El diablo se viste de Zara é o título dun visitado blog, agora aloxado na revista Elle (http://devilwearszara.elleblogs.es), que se especializou na detección de clons ou versións moi similares que, da roupa e complementos das principais casas de moda internacionais, realizan macroempresas do deseño como Zara, Mango ou H&M. Tal inspiración é xa unha práctica estendida -mesmo regrada e pactada entre os autores do orixinal e os da súa fotocopia-, que se pode certificar nos vidros de calquera marca do emporio téxtil galego. "Mira!, un zapato bicolor como o de Chanel...", ou "aí o tés, un bolso de Marc Jacobs". Os clientes, por que non dicilo, son os principais beneficiados destas versións beta, accesíbeis a case todos os petos, e nas que cifra ese concepto tan ben rendibilizado por Inditex do luxo democrático.
Ocorre que esa afección desmedida de Zara pola intertextualidade (que é como moi delicadamente se refiren certos autores literarios á copia pura e dura) ten consecuencias serias cando non son as pasarelas ou as revistas de tendencias as que serven de modelo.
Rocío Cañero, antiga alumna da Escuela Superior de Dibujo Profesional de Madrid (ESDIP) acaba de denunciar, co apoio deste centro, que Zara estampou nunha serie de camisolas uns debuxos que teñen un abraiante parecido con outros da súa autoría: tenros bonequiños, con reminiscencias manga e grafiteiras.
Debuxos de Rocío Cañero e de Zara, na páxina web da Escuela Superior de Dibujo ProfesionalFOTO: ESDIP.COM
A deseñadora, que se puxo en contacto con Inditex, só logrou da compañía galega o recoñecemento de que existen "certos nexos conceptuais comúns". Máis aínda. Segundo a resposta da multinacional "non existe ningún vínculo nin asociación creativa entre ambos debuxos, polo cal, non cabe dúbida de que ambos deben poder coexistir pacificamente". A autora, hoxe unha recoñecida profesional no ámbito da publicidade, considera evidente a existencia dun plaxio e declaroulle onte, a un medio radiofónico, que conta con apoios para defenderse ante o que, se se demostra xudicialmente, suporía unha agresión á propiedade intelectual. Os tribunais, se a demanda de Cañero prospera, serán os que decidan, en última instancia, onde remata a inspiración e onde comeza o plaxio. Ou se, moi delicadamente, estamos a falar de intertextualidade.
elcorreogallego.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario